Camila Bossa: “Na ficción española a muller vive na sombra, só se completa grazas o papel masculino”
Non se enganen, nada ten que ver esta frase coa vida de Camila Bossa. De vivir na sombra, pouco. E de depender dos homes? Menos aínda. Filla de actriz, esta colombiana que fala galego, caeu no mundo da interpretación para superar a súa timidez. Agardou a oportunidade, e esta veu da man de Belinda, aquela dominicana que chegou a Portozás para non marchar máis. Algo similar lle pasou a Camila coa nosa terra. Reivindica apoio para a cultura e papeis con forza para as actrices, agarda continuar vivindo do seu traballo e soña… Soña moito.
En primeiro lugar Camila, para situarnos, cóntanos. Que andas a facer? En que andas metida nestes momentos?
Agora mesmo, nestes tempos tan difíciles para todos, os actores tamén estamos sufrindo as consecuencias. Pouco curre, moita adaptación e esforzo. Así que, ando cun pequeno espectáculo de cabaré e humor titulado “Malos Hábitos” onde, xunto a Iolanda Muíños, o que facemos é contar a vida de dúas monxas moi especiais. Tamén participei na serie de Jorge Coira titulada “Luci”, que aínda está por estrear. Aparecerei nun episodio no que fago o papel dunha monitora de ximnasio algo estrita.
Ó longo da túa traxectoria hai un pouquiño de todo, teatro, cine, televisión… Con que te quedas? Onde te atopas mellor?
Esta é unha pregunta recorrente e creo que case todos contestamos o mesmo, o importante é o proxecto, a súa calidade, o papel que teñas. O medio é o de menos. Digamos que ti es un actor en todos os casos, cambia a técnica pero ti desenvolves as mesmas armas. E, ante todo, o actor se sinte feliz traballando, estando en activo.
E se miramos cara atrás, cara os inicios, nun principio os teus estudos ían noutra dirección, de feito creo que a lingua galega tivo parte de “culpa” da túa vea teatral…
Eu cheguei a vivir a Santiago no ano 1993 e nese momento estudaba Historia da Arte. Unha boa maneira de facer amigos e de lanzarme a falar galego foi esa, facer teatro, socializar. E foi unha boa experiencia. Comecei a subir ós escenarios e a quitarme medos de enriba.
Chegaches a Santiago despois de vivir en Madrid unha tempada, e de pasar a túa infancia en Colombia, que foi onde naciches. Como foi o cambio? Difícil?
Eu nacín en Bogotá, meu pai é colombiano. Nos 80 meus pais separáronse e miña irmá e máis eu viñemos a España con miña nai. Eu tiña case 8 anos. Instalámonos en Madrid e vivín alí ata o 93 que foi cando vin a Santiago. A adaptación foi dura, si, porque eran moitos cambios… De país, de colexio, de amigos… Eu era unha nena moi retraída e custábame afacerme a esa maneira de ser dos madrileños, máis “gritona” e chulesca.
“Cheguei a Santiago no 93, unha boa maneira de facer amigos e de lanzarme a falar galego foi facer teatro” |
Como recordas a túa infancia? Moi vinculada á interpretación supoño, porque a túa familia tamén se dedica a este mundo. Podemos dicir que o levas no sangue?
Miña nai é actriz e iso implica unha maneira de ver o mundo, de coñecer a persoas que se dedican a oficios artísticos, creativos… A miña casa en Madrid sempre estivo chea de xente moi interesante e diferente, cousa que agradezo. Miña nai, cando chegou a Madrid con dúas nenas pequenas, púxose a traballar en todo canto podía para sacarnos adiante. Non foi ata ben tarde cando volveu retomar a súa actividade como actriz. A verdade é que a min non me atraía nada ese tema de dedicarme ó teatro. Non sei se esas cousas se levan no sangue, pero no meu caso eu non tiven esa “chamada” ata moi tarde e por unhas circunstancias moi particulares.
De feito, adoitas dicir que sempre fuches moi tímida… Aínda que iso si, non se che nota nada! (Risas)
“Impoñíame moito o carácter madrileño, tan forte, contrastado coa dozura de Latinoamérica” |
Si, eu era tímida! Imaxínate, con todo ese cambio vital ós 8 anos… Eu montábame as miñas películas na casa, debuxaba, pasaba moito tempo soa ou coa miña irmá. Impoñíame moito o carácter madrileño, tan forte, contrastado coa dozura de Latinoamérica. Hoxe en dia, despois de tantos anos, son unha persoa aberta e faladora porque son froito, imaxino, de todas esas adaptacións e cambios. Ao final un vai collendo forza, personalidade, e ves que coñecer xente é algo estupendo. Pero inda agora, recoñézome como unha persoa pudorosa no sentido persoal. Non me gusta nada contar cousas íntimas nin falar da miña vida. Son celosa da miña vida e a dos meus amigos e familiares.
E como dicíamos antes, despois de pasar por Madrid, chegas a Santiago. Por que este cambio?
Pois acabo vivindo en Galicia porque miña nai é de Santiago. Ela marchou moi nova de aquí e fixo moita vida polo mundo. Pero no ano 1992, un compañeiro de anos atrás, director de teatro, chamouna para traballar no Centro Dramático Galego. Finalmente un traballo xuntouse co outro e foi quedando. Naquel momento eu era estudante. Miña irmá independizouse para ir vivir co seu mozo e pensei que era un bo momento para vir continuar os meus estudios a Santiago.
E unha vez aquí, que che ofreceu Galicia para non marchar máis? Por desexo ou polas circunstancias?
Pouco a pouco funme afacendo á cidade, coñecín xente, fixen moi bos amigos, licencieime… Moito máis tarde comeza todo o da tele. Pasiño a pasiño. Que si un corto, que si un casting de figuración, que si entro en Luar… En fin, non foi algo da noite a mañá, que é unha idea que a xente ten frecuentemente. Salvo certas excepcións, esta profesión e o feito de dedicarse a ela, é un proceso longo, desigual, inestable e que é así para toda a vida.
Falando da túa traxectoria, podemos dicir que o teu “gran salto” foi Mareas Vivas, non? Como recordas a Belinda? Que supuxo este personaxe para ti?
Pois traballando de animadora de público na TVG, chamáronme para un casting de Mareas Vivas! Para facer dunha dominicana que falaba galego. Botei memoria dos acentos da miña familia e comecei a falar en galego con esa musicalidade. Presenteime coa miña proposta e a gran sorpresa foi que me colleron! Nun principio Belinda só ía estar un par de capítulos pero, por sorte, quedou a vivir en Portozás. Iso supuxo a miña primeira oportunidade de ser actriz, de vivir do meu traballo e de compartir faena con grandes intérpretes dos que aprendín moito. Ademais, creo que Belinda foi querida polo público, porque aínda hoxe en día hai xente que a recorda e iso é moi gratificante.
Houbo moitos máis polo medio, pero gustaríame facer referencia agora a Matalobos. Foi outro “bombón” (xa falo coa xerga e todo) de papel, non si?
“Nun principio Belinda só ía estar un par de capítulos pero, por sorte, quedou a vivir en Portozás” |
(Risas) Chegou Matalobos, e outra vez a facer de latina! Esta vez, colombiana. Durante moito tempo quixen fuxir de facer só papeis con acento, por que era repetitivo e por que eu quería que o público soubese que eu falo doutra maneira. Pero o papel de Adriana chega anos despois de facer outros papeis moi diferentes e co atractivo de ser “A MALA” da serie. Nunca, ata ese momento, me ofreceran facer dunha persoa malvada, escura. Adriana gustoume dende o primeiro momento e iso é importante, que che gusten os teus personaxes.
E ademais, se no seu momento Mareas Vivas foi unha revolución na ficción galega, a Matalobos pasoulle un pouco o mesmo…
A serie foi todo un fenómeno. Na rúa notas cando algo chega ó público e, neste caso, foi espectacular.
Isto demostra tamén que o audiovisual galego precisa de proxectos novos? Hai que renovar o panorama televisivo?
Si, creo que a ficción galega necesita novos formatos, arriscar, modernizarse narrativa e formalmente. Matalobos tiña iso. Agora, con tanto recorte e falta de interese por reforzar o sector, perigan os produtos de calidade e polo tanto, o seguimento do público. Agardo que alguén se decate de que a calidade é o único camiño para ter un audiovisual competitivo e con credibilidade. Non é posible medrar sen o talento e o traballo; para iso precísase investir tempo, darlle voltas aos argumentos, buscar temáticas innovadoras, ensaiar as interpretacións, darlle tempo o equipo para facer os mellores planos…
Como están as cousas neste senso? Quizais se debería “arriscar” máis e poñer en marcha proxectos máis ambiciosos?
En Galicia, para o meu gusto, pécase dunha repetición de formatos e temática que non saen do ámbito caseiro-parroquial e dun humor branco e sen complexidade. Iso está moi ben, pero debería coexistir con outros produtos. Mentres que a política audiovisual só se mida polos resultados económicos e cero na calidade, non creo que volvamos ter o apoio e o orgullo do público polo audiovisual feito aquí. Fálase moito da época dourada das series en USA e Gran Bretaña pero non é casual. Fixémonos en como se apoian e valoran eses sectores neses países. Por iso dan ganancias e se exportan, porque son bos.
Volvendo a Matalobos, valeuche non un, senón dous, Premios Mestre Mateo, que significou para ti?
Eu levara o meu primeiro Mestre Mateo por “O Ano da Carracha” de Jorge Coira, e dese tamén teño un gran recordo, non o esperaba para nada, atropelábame falando e non sabía nin que dicir. Emocionante.
“Matalobos deume moitas alegrías, dous premios Mestre Mateo consecutivos foi moito máis do que eu podía esperar” |
Se seguimos falando de cine, tes papeis para todos os gustos. E algúns dos teus filmes son moi duros, como “Heroína” ou “A Mariñeira”. Mulleres con vidas realmente difíciles, loitadoras en toda regra. Gústanche estes retos? Considéraste unha loitadora?
Tiven a sorte de ter o regalo de protagonizar “A Mariñeira” de Antón Dobao. Unha historia de sufrimento, de amor, de soidade… Eses papeis que a todos nos gusta facer. Canto máis complexos, mellor. Dende logo que quixera ter tido moitos máis dese corte pero… Todo chegará. En Heroína tiven unha participación pequena pero na que aprendín moito. As que levaban nese caso os papeis de “peso” eran Adriana Ozores e María Bouzas, que puxeron moita forza e enerxía nesas mulleres. Son papeis que esixen pero tamén che dan. Son papeis para desfrutar, para esforzarse, buscar… Desgraciadamente, non abundan moitas personaxes femininas dese corte. Na ficción española aínda non demos o salto cualitativo e cuantitativo de papeis femininos como en Francia, Inglaterra ou Estados Unidos. A muller só acompaña, vive na sombra o só se completa grazas o papel masculino. A min, persoalmente, é algo que me produce aburrimento e cero empatía como espectadora cando consumo ficción española. O papel das mulleres nas historias…Uf!… Todas parecen a mesma persoa.
“Aínda costa máis ver a unha muller ríndose de si mesma, ca ver a un home” |
Nos últimos tempos vímoste de novo subida ó escenario e ademais cun proxecto tamén moi feminino…
Pois falando de mulleres precisamente, coa obra que actualmente estou facendo, “Malos Hábitos”, traballamos outra faceta que tamén parece algo afastada para as mulleres: o humor. Aínda semella que costa máis ver a unha muller ríndose de cousas, de si mesma, das cousas que lle pasan, ca ver a un home.
Nesa obra pasámolo moi ben sendo gamberras, surrealistas, frikis, deslinguadas! A xente pásao moi ben e queda sorprendida. Dúas monxiñas moi especiais chegan para falar co público da súa descoñecida e inesperada vida en clausura. Temos que gañar terreo tamén no humor. Penso eu.
E xa para ir rematando Camila, algún proxecto en mente? Algo que nos poidas adiantar?
Pois como che dicía ao comezo, estamos no día a día… En manternos, en buscar formas de traballo, espazos. A cousa está difícil para todos, pero esta é unha profesión dura, que ninguén se engane, e hai que afrontala así con épocas mellores e outras máis escasas. Agardo que cambie a política tributaria con respecto a cultura. Non pode ser que nun país (do primeiro mundo) non podamos asistir ó cine, ó teatro ou a un concerto porque os prezos son prohibitivos. Iso é unha vergoña, e ademais non está servindo para recadar máis cartos, máis ben o revés, está baleirando as salas e levando ao peche ós teatros. En definitiva, destruíndo a rede de cultura e vida nas cidades. Pero bueno, os actores sempre temos algo na cabeza ou á vista, aínda que, como ben sabes, ata que non está firme e claro non adiantamos nada! (Risas)
E por último a pregunta do millón, unha sinxeliña para rematar, onde te ves dentro de dez anos? (Risas)
Pois a verdade, nunca penso con tanta antelación, será o costume de vivir ó día… Pero, por imaxinar, gustaríame estar traballando en bos proxectos, ser mellor actriz, aprender sempre cousas novas, poder vivir da miña profesión, ter cerca aos meus amigos, á familia e á miña parella, viaxar un montón, ver máis o sol e encher teatros e cines cos traballos que faga, estar en forma, coñecer a xente interesante, ver cambios nesta sociedade, ver como os de enriba miran polo pobo e non polos especuladores… Tantas cousas!!! (Risas) Ser feliz!
E nós que o vexamos. Grazas Camila.